Fondation Amigo

Comparte nas túas redes sociais:

A Fondation Amigo visita a Comunidade Terapéutica «As Cernadas» de Proxecto Home Galicia

Representantes da fundación suíza coñeceron de primeira man o traballo educativo-terapéutico que desenvolve Proxecto Home Galicia, entidade coa que manteñen unha estreita colaboración desde hai máis dunha década.

O pasado 5 de outubro de 2026, a Comunidade Terapéutica «As Cernadas», de Proxecto Home Galicia, situada no concello de Val do Dubra (A Coruña), recibiu a visita dunha representación da FONDATION AMIGO, nun encontro especialmente significativo para ambas as entidades, unidas desde hai anos por unha relación de colaboración, confianza e compromiso social.

A Fondation Amigo é unha fundación benéfica suíza, con sede en Xenebra, que desenvolve o seu labor filantrópico apoiando economicamente iniciativas de investigación, educación e atención social, especialmente dirixidas á infancia, ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade, tanto na Península Ibérica como en América do Sur.

Desde hai máis dunha década, esta fundación vén contribuíndo xenerosamente ao sostemento e desenvolvemento dos programas e servizos de Proxecto Home Galicia, converténdose nunha das entidades colaboradoras que acompañan de maneira continuada o noso labor en favor das persoas con problemas de adicción e das súas familias.

Durante a visita, as persoas representantes da Fondation Amigo estiveron acompañadas por Ramón Gómez Crespo, presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo; Ofelia Debén Rodríguez, directora de Proxecto Home Galicia, e Mercedes Vidal Querentes,coordinadora da Comunidade Terapéutica.

Ao longo da xornada tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións, o funcionamento do centro e os obxectivos do modelo educativo-terapéutico que desenvolvemos, baseado nunha atención integral á persoa, na adquisición de hábitos e responsabilidades, no fortalecemento da autonomía persoal e na preparación para a reinserción familiar, social e laboral.

Un dos momentos máis enriquecedores da visita foi o encontro coas persoas que se atopan en tratamento, que compartiron coas visitantes as súas experiencias, as actividades que realizan diariamente e os avances que van acadando nos seus procesos de recuperación. Este intercambio, desenvolvido nun ambiente próximo e distendido, permitiu coñecer directamente a dimensión humana do traballo que se realiza na comunidade.

As representantes da Fondation Amigo tamén compartiron impresións co equipo educativo-terapéutico e co persoal técnico do centro, interesándose pola metodoloxía de intervención, os retos que presenta o tratamento das adiccións e a importancia do acompañamento profesional durante todo o proceso.

A xornada rematou cunha impresión moi positiva por parte das visitantes, tanto pola contorna natural e a privilexiada situación da Comunidade Terapéutica «As Cernadas» como pola calidade do traballo de rehabilitación que nela se desenvolve e, especialmente, pola proximidade, o compromiso e a calidade humana percibidos no trato entre profesionais e persoas en tratamento.

Para Proxecto Home Galicia, esta visita tivo un significado especial. Supuxo a oportunidade de mostrar de primeira man a realidade dun traballo que a Fondation Amigo leva tantos anos apoiando e de compartir con quen fai posible unha parte importante da nosa actividade o verdadeiro sentido da súa colaboración: ofrecer novas oportunidades de vida a persoas que atravesan situacións de especial dificultade.

Desde a Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao Padroado da Fondation Amigo, non só polo seu continuado e xeneroso apoio económico, senón tamén pola confianza depositada na nosa institución e polo interese en coñecer persoalmente o traballo que desenvolvemos.

Unha colaboración que vai moito máis alá da axuda económica e que, ao longo destes anos, contribuíu a facer posibles procesos de recuperación, a reconstruír vínculos familiares e a abrir novos horizontes de esperanza para miles de persoas.

Porque detrás de cada contribución solidaria hai moito máis ca recursos económicos: hai persoas que recuperan a confianza en si mesmas, familias que volven atoparse e vidas que teñen a oportunidade de comezar de novo.