FUNDACION NORAY

Comparte nas túas redes sociais:

Proxecto Home Galicia visita a Fundación Noray – Proyecto Hombre Alicante

Un encontro para compartir experiencias, aprender e seguir avanzando na atención ás persoas con problemas de adicción.

O pasado 23 de outubro de 2026, Ramón Gómez Crespo, presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo, e Ofelia Debén Rodríguez, directora de Proxecto Home Galicia, visitaron a Fundación Noray – Proyecto Hombre Alicante, nunha xornada de encontro e intercambio de experiencias entre ambas as entidades.

Durante a visita tiveron a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento da Comunidade Terapéutica de Mulleres e do Programa Ambulatorio, así como de compartir reflexións e experiencias con Consagración Jareño, co equipo educativo-terapéutico e coas propias mulleres que participan no programa.

Un dos aspectos máis destacados da xornada foi coñecer o modelo de atención específico para mulleres con problemas de adicción. A existencia dunha comunidade terapéutica exclusivamente feminina permite abordar con maior profundidade as circunstancias e dificultades particulares que acompañan os procesos adictivos das mulleres, favorecendo un contorno de confianza e seguridade no que se reducen determinados factores de risco e se fortalecen os factores de protección, a autoestima e a autonomía persoal.

O encontro permitiu tamén reflexionar sobre a importancia de incorporar a perspectiva de xénero aos procesos de rehabilitación e de adaptar os recursos terapéuticos ás necesidades de cada persoa.

Compartir experiencias entre os diferentes programas de Proyecto Hombre constitúe unha valiosa oportunidade de aprendizaxe e enriquecemento mutuo. Aínda que cada entidade desenvolve o seu labor en contextos e realidades diferentes, todas comparten unha mesma filosofía: situar a persoa no centro da intervención e acompañala no seu proceso de cambio e recuperación.

Desde Proxecto Home Galicia queremos expresar o noso agradecemento a Consagración Jareño, ao equipo profesional e ás mulleres participantes pola súa acollida, proximidade e xenerosidade ao compartir as súas experiencias.

Encontros coma este reforzan os vínculos que nos unen e lémbrannos que compartir coñecementos, aprender doutras experiencias e traballar en rede é tamén unha maneira de seguir ofrecendo novas oportunidades de vida.