A Consellería de Política Social aumenta a súa colaboración a nivel económico con Proxecto Home, a través da Fundación Monte do Gozo, de cara á inclusión social e laboral das persoas en risco de exclusión. Para facelo, o titular do departamento autonómico, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración co director do Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez.
Rey Varela explicou que “a nosa vontade é a de blindar este programa cun maior esforzo económico”, deste xeito Política Social destinará este ano 149.366 euros para a integración satisfactoria no ámbito familiar, social e laboral das persoas a tratamento nos distintos programas que xa se atopen na fase de reinserción social. Isto supón un incremento orzamentario do 10% con respecto ao ano anterior e esta achega permite financiar o 100% das prazas na fase de reinserción social que ten en marcha o Proxecto Home, que neste caso son 12 prazas en réxime ambulatorio, semi-residencial ou residencial.
A Fundación Monte do Gozo desenvolve unha serie de actuacións encamiñadas á inclusión socio laboral englobadas nun programa marco denominado “Proxecto Home” de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas con adiccións. Os programas que leva a cabo dependen do tipo de adicción e do perfil psicosocial do usuario polo que contan cunhas características diferenciadas que permiten unha abordaxe integral e individualizada das distintas problemáticas. O conselleiro de Política Social destacou “a importancia que ten ‘Proxecto Home’, unha iniciativa plenamente consolidada na nosa Comunidade, para conseguir a integración harmónica e satisfactoria no ámbito familiar, social e laboral de persoas con problemas de adicción”.
Durante o acto de sinatura do convenio de colaboración, o responsable de Política Social quixo felicitar aos responsables da Fundación “polo traballo que realizan dende hai anos en Galicia, grazas ao cal moitas persoas se teñen recuperado das súas adiccións”. Así mesmo, asegurou que “nesta tarefa de prevención e loita contra todas as formas de toxicomanías seguirán contando co apoio da Xunta de Galicia”.
A labor de Proxecto Home lévase a cabo en dispositivos que a Fundación Monte do Gozo ten nas localidades de Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña e Pontevedra. Os programas que se realizan inclúen alternativas residenciais e obradoiros ocupacionais encamiñados á mellora de habilidades e á consecución dun emprego, incluída a mediación laboral.