Andaina Solidaria

Comparte nas túas redes sociais:

Andaina Solidaria

O director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo, considera, no 25 aniversario desta fundación, que as persoas en rehabilitación están “plenamente integradas” en distintas accións, como en “clubs de deporte” e “asociacionismo cidadán”, pero fai un chamamento a non “baixar o pulso” no que respecta á “sensibilización social”. “Sempre hai que ver que é un camiño que hai que seguir percorrendo, pero cambiou moito, para ben. Hoxe en día, a percepción social do fenómeno non estigmatiza practicamente” sinalou.

Considera que a adicción “xa” foi “asumida” como “unha problemática dos tempos actuais” e que “o lóxico” se unha persoa ten unha adicción é acudir a un “centro especializado” para “poder facerlle fronte”. “Mesmo dende a percepción social”, apostilou. Aínda así, admite que “sempre hai redutos incambiables”, pero matiza que estas percepcións son “moi reducidas”.

O director de Proxecto Home Galicia recordou que no pasado había grupos de terapia cuxo único obxectivo pasaba por axudar ás persoas en rehabilitación a “afrontar” a busca de emprego, nos tempos nos que confesar que unha persoa estaba en rehabilitación significaba “non” ter “ningunha opción” laboral. Hoxe as persoas que se están a rehabilitar en Proxecto Home poden contar “tranquilamente” este feito sen ser “rexeitados”.

Con motivo dos seus 25 anos, Proxecto Home preparou varios actos benéficos, cuxo obxectivo pasa por “implicar á sociedade” acerca do “problema da adicción”, con propostas “implicativas” e “inclusivas”. Entre elas, encóntrase unha carreira e unha andaina solidaria que terán lugar o próximo 28 de xuño en Santiago, concretamente no Monte do Gozo.

O atleta compostelán Pedro Nimo, que acompañaba a Ramón Gómez Crespo na rolda de prensa, fixo fincapé en que o deporte é “unha das mellores armas” para “loitar contra as drogas”.

A Conselleira de Traballo e Benestar visita a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia
Instalación fotovoltaica no Centro de Santiago de Compostela
XXV aniversario da Asociación Proyecto Hombre