Proxecto Home Galicia premiado por Cenor na gala da II edición dos Premios Solidarios

Comparte nas túas redes sociais:

Proxecto Home Galicia premiado por Cenor na gala da II edición dos Premios Solidarios

Xuntos Podemos, Proxecto Home Galicia e Arela foron as entidades premiadas por Cenor na gala da II edición dos Premios Solidarios celebrada o 3 de decembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

Ana Caruncho, responsable de Mercadotecnia do Grupo Cenor, inaugurou o acto felicitando a todos os proxectos presentados, especialmente aos tres finalistas.

Recordou tamén que os Premios Solidarios Cenor electrodomésticos teñen o propósito de impulsar e agradecer proxectos de carácter solidario nas zonas onde desenvolven a súa actividade; por iso, este ano volveron conceder tres premios de 6.000, 3.000 e 1.500 euros para axudar a financialos.

O segundo premio foi para Proxecto Home Galicia, unha fundación con máis de 20 anos de traballo promovendo o desenvolvemento e maduración de persoas drogodependentes na comunidade galega. Ramón Gomez, o director do centro, fixo fincapé na necesidade de “transmitir á sociedade, que entre todos, podemos chegar a un horizonte de esperanza e construír unha sociedade con novas oportunidades”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames quixo agradecer a implicación do grupo co seu ámbito a través da Responsabilidade Social Corporativa. “Nun momento no que se instalan as grandes multinacionais na xungla dos electrodomésticos, Cenor segue creando novos postos de traballo e investindo nos Premios Solidarios”. “É unha honra poder contar cunha asociación como Proxecto Home Galicia como un dos gañadores”.

A continuación, o xerente de Cenor, Javier González, sinalou que “os nosos premios teñen compromiso de continuidade e nos deixaron amigos entre os gañadores da primeira edición”.

Algo que esperan poder compartir cos gañadores desta segunda, ademais de conseguir “axudar de verdade” a mellorar o quefacer diario de asociacións de carácter solidario e a todos os seus integrantes.

Os Premios Solidarios Cenor Electrodomésticos, pechan así a súa segunda edición ata o ano que vén, esperando aumentar na súa próxima convocatoria a afluencia de asociacións benéficas na zona norte de España coas que poder colaborar, e seguir demostrando o seu compromiso por “ser diferentes”.

Usuarios de Proyecto Hombre Granada visitan Proxecto Home Galicia
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita Proxecto Home Galicia
A Directora Xeral de Familia e Inclusión visita a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia