Hoxe, 13 de xuño, tivemos unha visita moi especial: 39 alumnos de 3 a 6 anos e as súas 5 profesoras acompañantes. Ás súas risas e a súa alegría xa nos contaxiaron dende o primeiro momento.
Para eles era unha excursión de fin de curso fóra do seu colexio na que ían traballar a partir do lúdico a autonomía e a responsabilidade.
A elección de Proxecto Home non foi aleatoria, segundo nos conta Eva Vidal, a directora da Casa do Neno. É unha oportunidade para estes nenos e nenas de non vivir ao marxe do que acontece fóra da casa e do colexio. É dicir, coñecer unha realidade que existe e que forma parte da sociedade na que viven. Certo é que non son conscientes da problemática que teñen os usuarios que están a tratamento pero si son uns transmisores de normalidade e de que non é un lugar pechado cando ao regreso coas súas familias conten o acontecido na excursión.
Foron recibidos por Juan Carlos Permuy, coordinador da Comunidade Terapéutica,que tamén fixo de anfitrión durante toda a visita ás instalacións e aos obradoiros prelaborais.
Primeiro tiveron a posibilidade de ver a piscifactoría. Coa axuda de anécdotas, explicóuselles o hábitat e a alimentación das troitas en captividade.
Despois acercáronse ao picadero onde os esperaba Jaime, profesor de Equitación. Alí puideron montar nuns ponis e aprender como é o coidado dos cabalos así como visitar as cuadras.
Seguindo o percorrido, chegaron aos invernadoiros, viron as distintas plantacións e, coa axuda de José Manuel Vazquez, responsable da Horta, plantaron cadansúa cabaza nunha macetiña que puideron levar para as súas casas.
Tamén foi un momento de intercambio xa que eles teñen no colexio unha pequena horta no que plantaron tomates,cebolas e leitugas.
Xa con apetito reuníronse ao pé duns carballos, gozaron dun xantar diferente ao aire libre.
Tamén houbo un oco para o xogo e a troula.
Ás 15.30, antes de irse fixeron,xunto co Equipo Terapéutico, unha foto para inmortalizar o día.