A Directora Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar, María Amparo González, achegouse a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia para coñecer de preto o traballo que se desenvolve neste centro.
Foi recibida polo Director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo e a visita iniciouse facendo un percorrido polas instalacións da Comunidade Terapéutica onde a Directora Xeral puido ver as distintas accións terapéuticas, formativas, educativas e laborais que se desenvolven.
María Amparo González gabou o grande esforzo, tanto humano como económico, que fai Proxecto Home Galicia na rehabilitación de persoas adictas e, en especial, nas accións conducentes a facilitar a inserción sociolaboral das persoas en tratamento.
Realizou un minucioso percorrido por todos os obradoiros prelaborais a través dos que Proxecto Home Galicia facilita formación profesional ocupacional as persoas deste centro, co obxecto de favorecer a súa incorporación ao mercado laboral.
Neste senso hai que destacar a colaboración da Dirección Xeral de Familia e Inclusión de Traballo e Benestar apoiando a reinserción sociolaboral das persoas en tratamento e facilitando a súa incorporación á sociedade dun xeito o máis normalizado posible.
Despois visitar as distintas instalacións a Directora Xeral mantivo un encontro informal cos usuarios do Centro e co Equipo Educativo-Terapéutico do mesmo.
Na súa intervención animou aos homes e mulleres que se atopan realizando o seu proceso de rehabilitación e inserción sociolaboral neste centro a continuar adiante e a loitar por acadar un grao de autonomía persoal que lles permita integrarse novamente na sociedade nas mellores condicións posibles, especialmente nos eidos persoal e laboral.
En canto a Proxecto Home Galicia, María Amparo González destacou a colaboración con esta entidade que, dende hai máis de vinte anos, favoreceu a materialización de accións concretas cuxos positivos resultados son evidentes.
O Director de Proxecto Home, Ramón Gómez, agradeceu a colaboración e apoio da Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección de Familia e Inclusión e destacou a importancia de establecer liñas de acción que permitan a inserción sociolaboral das persoas afectadas pola drogadicción.