Proxecto Home Galicia planea poñer en marcha varios programas de reinserción laboral que contribúan a normalizar a vida dos usuarios dos seus centros, unha vez superados os procesos de desintoxicación na asociación que dirixe Ramón Gómez Crespo.
Agrogandería, xardinaría, un albergue de peregrinos e unha escola de equitación en Cernadas son algunhas das liñas que se formulan, e así comunicóuselle aos socios que acudiron á asemblea da Asociación de Familias e Amigos de Proxecto Home que se celebrou onte no centro de acollida de Santiago.
A asemblea valorou positivamente as actividades desenvolvidas ao longo do 2012. Aínda a pesar da situación de crise que tamén se deixa notar neste tipo de servizos asistenciais, Proxecto Home incrementouse en 64 socios o ano pasado, ata situarse nos 4.213, a maior parte deles, case 2.000, na provincia da Coruña.
A entidade conta para o 2013 cun presuposto de 89.000 euros e os seus directivos confían en obter os recursos necesarios para poñer en marcha os programas de reinserción laboral.