anversario_CTI

Comparte nas túas redes sociais:

A comunidade de Proxecto Home no cárcere de Pereiro cumpre 20 anos

Ourense é unha das tres provincias españolas nas que Proxecto Home ten a súa propia comunidade terapéutica nunha prisión. Este mes de novembro, concretamente o día 21, cúmprense vinte anos da presenza desta oenegué no cárcere provincial do Pereiro de Aguiar. Alí axudan aos reclusos a desintoxicarse, a saír das súas adiccións expóndose a rehabilitación como un conxunto, un proceso integral que involucra aspectos psicolóxicos, sociais, laborais ou familiares, explica Ofelia Debén, directora de Proxecto Home Galicia.

Ao longo destes vinte anos son moitos os internos que formaron parte da comunidade terapéutica de Proxecto Home no centro penal de Pereiro. Actualmente son 18 as persoas que conviven neste módulo, xestionado autónomamente pola asociación. Durante este tempo, Proxecto Home atendeu nesta comunidade a 827 homes e a 39 mulleres.

Deses vinte anos, a traballadora social Patricia Pérez Rodríguez leva 18 tratando con persoas que chegan moi afectadas as drogas e con circunstancias de traballos precarios ou familias desestructuradas con problemas provocados por eles mesmos. Patricia Pérez observa que houbo un cambio nos últimos anos no perfil do interno que se integra na comunidade terapéutica que ela coordina e na que tamén traballan un criminólogo e un psicólogo por parte de Proxecto Home, aínda que todo se fai conxuntamente co equipo da prisión.

Segundo Pérez, ultimamente acceden á comunidade presos con condenas máis curtas, de catro ou cinco meses, xente máis nova que ingresa por delitos relacionados coa violencia de xénero, lesións en pelexas ou por conducir baixo os efectos do alcol. Xa ven menos casos dos outrora delincuentes toxicómanos habituais que ingresaban por roubos con violencia como tiróns de bolso. Tamén indica a coordinadora que, ultimamente, as drogas que se consumen e nas cantidades en que se inxeren sen control provocan unha deterioración cognitiva importante, e non tanto físico, nas persoas que ingresan.

Ultimamente entran en prisión persoas con patoloxías psiquiátricas importantes. Faltan diagnósticos e psiquiatras. Ás veces non sabemos como axudar cando non queren medicarse», expón Pérez. É un problema que afecta aos máis novos. Nun caso, tiveron a un mozo de 19 anos que levaba á súa curta idade xa doce sobredoses por pastillas.

Pero tamén tratan a persoas maiores de sesenta anos con problemáticas severas de adicción ao alcol, ou asociadas a outras substancias como a cocaína, ás que lles custa adaptarse ás normas de convivencia e entender que teñen un problema.

Na comunidade terapéutica da prisión de Pereiro, Proxecto Home funciona como unha microsociedade, unha burbulla, na que os internos están illados do resto de presos. Teñen a súa propia cociña e as tarefas e responsabilidades a ela asociada, como facer o pedido semanal de produtos; talleres terapéuticos específicos, tamén con horarios diferentes, e non teñen patio en común cos outros recluídos. «A nosa comunidade é pechada. Non teñen acceso usuarios que non sexan de Proxecto Home. Así, a parte de que se pasen drogas está máis controlada que noutros módulos. A comunidade terapéutica fai unha paréntese nas súas vidas, eliminando situacións de risco que poden estar a perturbar.

Está indicada para persoas con serios problemas, cunha desestructura. O tempo na comunidade é un tempo para ti, para coñecerche, e os usuarios descobren que non están sos, porque os seus compañeiros, que teñen os mesmos problemas, motívanos e as familias envórcanse», resume Ofelia Debén. A pandemia do covid-19 complicou moito esa relación entre familias e internos polo distanciamento que acrecentou, pero Debén reafirma que as familias están involucradas.

O papel familiar é importante unha vez que o interno termina a súa condena ou cando empeza a saír cos primeiros permisos. «A prisión é moi burbulla e cada saída require unha preparación exhaustiva. Os primeiros permisos son coas familias, pero co tempo teñen que facer amizades con persoas sas. Teñen que ocuparse dos seus asuntos, de se teñen que ir ao xulgado a algún trámite, ao dentista ou a buscar un traballo. Anímaselles para que vaian solucionando eles as súas cousas. Os primeiros permisos son como unhas vacacións, pero o que custa é mantelo porque logo os familiares non van estar sempre dispoñibles para o día a día e iso hai que saber manexalo», detalla Patricia Pérez. Por iso faise un seguimento.

Os internos asinan un contrato terapéutico que fixa as normas de convivencia

As persoas que queren facer este programa con Proxecto Home na prisión asinan un contrato terapéutico ao entrar na comunidade. Nel comprométense a respectar as normas, a convivencia e as tarefas das que se teñen que facer responsables. Utilizar a violencia é motivo de expulsión; aceptan que se lles paute medicación, que se lles estableza o diñeiro que poden xestionar semanalmente e comínaselles a gardar o segredo do que se fala en grupo, explica Patricia Pérez. «Moitas veces conséguese unha convivencia agradable; non é que se establezan relacións de amizade, pero o conflito é mínimo», indica.

Durante o día, son responsables da limpeza e bo estado dos seus cuartos, acoden á escola con clases na propia comunidade ou van ao polideportivo. Hai que ter en conta que hai persoas que non saben nin ler nin escribir ou aos que hai que ensinar o básico sobre hixiene persoal ou tarefas domésticas. Trabállase a estrutura da persoa, destaca a coordinadora. Ata a prisión de Pereiro, chegan internos doutros cárceres para participar na comunidade de Proxecto Home, porque só hai tres como esta en toda España (Madrid, Córdoba e Ourense), aínda que si hai módulos terapéuticos noutros centros.

Segundo a duración da condena, algúns reclusos pasan máis ou menos tempo na comunidade. O que máis tempo leva agora comezou en xuño do 2020 e outros estarán só uns meses, pero como apunta Patricia, sexa o tempo que sexa, serán meses sen consumir nos que terán feito actividades e relacionáronse respetuosamente con outras persoas.

Igualdade avalía vías de colaboración cos programas de xénero do Proxecto Home
A Directora Xeral de Familia e Inclusión visita a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia
Inauguración da Exposición “ARTE E SOLIDARIEDADE” en Lugo