O Concello da Coruña e a Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home asinaron un convenio polo que a entidade sen ánimo de lucro obtén a cesión demanial dunha parcela municipal de 5.538 metros cadrados onde construirá unha instalación para o tratamento de persoas drogodependentes.
Esta iniciativa de Proxecto Home habilitará un inmoble que servirá de centro de día e de longa estancia con 30 prazas de residencia e 60 de carácter ambulatorio.
A leira do Concello está situada nas rúas Inés de Ben e Castiñeiro de Eirís, próximas ao Hospital da Coruña. Segundo o acordo aprobado polo Concello en xuño, a cesión da parcela será por un máximo de 75 anos para que Proxecto Home, con base en Oleiros, conte cunha nova sede. O Concello non esixirá un canon á entidade, xa que a súa finalidade non ten ánimo de lucro.
O convenio foi asinado polo concelleiro de Facenda, José Manuel Lage e o presidente da fundación, Ramón Gómez Crespo. Entre os servizos que Proxecto Home ofrecerá na nova instalación en Eirís para persoas drogodependentes está a terapia para poder deixar as súas adiccións. Na contorna do terreo no que se erixe actualmente a sede da fundación en Oleiros está proxectada a construción de varias edificacións, entre elas, un centro comercial, polo que desde hai meses iniciou os contactos co Concello coruñés para poder contar cunha instalación propia na cidade.
A edil de Benestar Social, Yoya Neira, resaltou “o compromiso” do Goberno local con “os colectivos de persoas que padecen adiccións”, aos que calcula que a administración local axudou con máis de 400.000 euros. Lage destacou o investimento municipal en plans de recuperación e axudas aos servizos sociais, a máis alta, asegurou, entre os concellos de Galicia.