7 de xuño de 2023
O Doutor Anxo Carracedo participa no 30º aniversario de Proxecto Home en Vigo
No Círculo de Empresarios de Galicia situado en Vigo deuse inicio a unha serie de actos organizados por Proxecto Home Galicia para conmemorar a apertura do seu centro de Vigo o 13 de maio de 1993.
O Doutor Anxo Carracedo, Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, participou na primeira das conferencias programadas por Proxecto Home disertando sobre “As bases biolóxicas das adiccións” e o que poden influír nas condutas adictivas, apostando por fomentar a investigación xenética neste campo para crear “terapias personalizadas” cun maior nivel de éxito.
Aínda que poida parecer un tema arduo, o bo facer do Doutor Carracedo fixo posible que o variado público, que ateigaba a sá, seguise con interese a conferencia e, en consecuencia, alongase a quenda de preguntas.
______________________________________
Anxo Carracedo é Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1989 e director do Instituto de Medicina Legal de 1994 a 2012. Actualmente dirixe a Fundación Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII (CEGEN).

