Os pasados días 6 e 7 de novembro, celebrouse en El Escorial (Madrid) o I Encontro “Contigo Somos Proyecto”, organizado pola “Asociación Proyecto Hombre” e no que participaron máis de 150 profesionais procedentes dos 28 centros de Proxecto Home de España.

O encontro inaugurouno, o día 6 de novembro, o Ministro de Sanidade, José Manuel Miñones Conde quen manifestou: «As historias que escoitamos son historias duras e, ao mesmo tempo, cheas de esperanza, de superación. Porque, precisamente, iso é “Proyecto Hombre”, unha porta aberta á esperanza». Tamén lembrou a dureza da epidemia letal de heroína que se estendeu por España a principios dos anos 80 e como a resposta organizada que nun primeiro momento lideraron familiares e persoas comprometidas pronto pasou a profesionalizarse, prestando en todo momento un servizo inestimable para as persoas que necesitan a axuda na superación de adiccións.

O Ministro felicitou ao presidente da Asociación “Proyecto Hombre”, Manuel Muíños Amoedo por organizar este encontro que permite axuntar vontades e compartir coñecementos.
O principal obxectivo destas xornadas, nas que se tentou reunir aos profesionais con máis anos de experiencia en “Proyecto Hombre”, foi reflexionar sobre o camiño percorrido tras, case, 40 anos de dedicación á problemática das adiccións e afrontar con determinación os retos presentes e futuros.
En representación de Proxecto Home Galicia asistiu a directora-presidenta, Ofelia Debén Rodríguez, acompañada polas tres profesionais con máis traxectoria na entidade: Amalia Calvo Ríos, María Carril Quintás e Aurora Vázquez Asorey.
