Comparte nas túas redes sociais:

Proxecto Home abrirá un dispositivo de información e diagnóstico en Pontevedra

As drogas como a cocaína, o cánnabis e o alcol son as adiccións que máis atenden nos tres centros que a organización non gobernamental mantén operativas na comunidade galega

Trece anos despois de que a crise económica obrigase a Proxecto Home a pechar a unidade de tratamento que tiña na rúa Joaquín Costa, no edificio de Cáritas, a Ong traballa xa, segundo avanzou a súa presidenta Ofelia Debén, para reabrir este ano un dispositivo de información, diagnóstico e derivación na Boa Vila.

Na actualidade Proxecto Home conta con tres centros en Galicia (Santiago, Ourense e Vigo), para o tratamento de adiccións polos que ata o pasado mes de novembro pasaron 432 persoas e a día de hoxe están a tratamento unhas 200 persoas.

As drogas como a cocaína ou o cánnabis e o alcol son as adiccións que máis están a atender, aínda que Ofelia Debén advirte de que están a detectar un aumento de casos polo consumo de heroína e o fentanilo.

Novas adiccións

Ademais, o xogo tanto en liña como presencial nos locais de apostas deportivas tamén están a facer efecto nas familias galegas, asegura. Desde Proxecto Home tamén apuntan que lles están chegando casos de mozos, menores de idade, con adicción “ás TIC, novas tecnoloxías, con todo, de momento son os menos”.

Á hora realizar un perfil tipo das persoas que atende Proxecto Home, Ofelia Debén, sinala que se trata de persoas de entre 30 e 35 anos cun nivel socioeconómico medio e aínda que entre o 60 e o 70% ten uns niveis de estudos básicos, a maioría ten experiencia laboral. “En case todos os casos as persoas que reciben tratamento ambulatorio manteñen o seu traballo e os que necesitan tratamento nunha comunidade terapéutica en internamento se teñen traballo piden a baixa para non perder o emprego”.

Camareiros, persoal de cociña, comerciais ou transportistas son considerados “traballos de alto risco porque comportan traballar de noite, só ou estar fóra de casa moitos días” e por iso é polo que durante o programa téntase “axudarlles a entender que a inserción sociolaboral non soamente consiste en ter un traballo se non tamén en atopar un que lles axude a estar ben”, sinala Debén.

Sobre o papel das familias á hora de detectar posibles adiccións a presidenta de Proxecto Home Galicia recomenda non esperar máis aló de mes e medio ou dous meses desde o momento que se “detecta que realmente hai problemas de drogas porque hai cambios de comportamento, inestabilidades emocionais serias, faltas ao traballo, ao colexio ou chega a horas intempestivas” e por iso recomenda, en primeiro lugar, falar coa persoa e pedir axuda en calquera centro que atenda o campo das adicións.

Ademais, á hora de recibir tratamento “é fundamental que a persoa recoñeza que é adicta e que quere recibir axuda” aínda que ás veces “somos os profesionais os que temos que facerlle entender a esa persoa que ten un problema, que se pode resolver e que tanto a familia ou as súas persoas de referencia son un apoio moi grande, non son os seus inimigos”.

En busca da estabilidade

“Nos programas de condutas adictivas, como son de longa duración, o que tratamos é darlle estabilidade, como teñen que reorientar a súa vida sabendo que teñen unha adicción e que deben aprender a vivir sen ela reforzando a súa autoestima”, sinala para engadir que “o éxito que estamos a ter a partir dunha ano terminado todo o proceso de rehabilitación está a ser do 70% máis ou menos”.

Fonte: www.diariodepontevedra.es

Seminario sobre medio ambiente e ordenación do territorio en C.T Cernadas
Presentación do partido entre Club Ourense Baloncesto e FC Barcelona Regal
Presentación do libro “Cernadas e a Fundación San Castor e Santa Adelaida. De priorato benedictino a centro terapéutico de Proxecto Home Galicia (séculos X-XXI) “