A Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia acolleu hoxe o primeiro encontro de colaboradores da Campaña “Resposta Social Solidaria”, unha xornada que reuniu a un nutrido grupo de empresarios e empresarias galegas comprometidos cos fins da entidade e a sustentabilidade a longo prazo dos servizos que presta.
Durante o evento, máis de 40 representantes doutras tantas empresas do tecido empresarial galego puideron coñecer de primeira man as instalacións da comunidade e o traballo que se realiza a para atender a persoas con problemas de adicción. A xornada incluíu un percorrido polos distintos espazos terapéuticos e educativos, así como unha presentacións sobre os métodos e programas implementados pola organización para facilitar a recuperación persoal das persoas en tratamento e a súa inserción sociolaboral.
Empresas cunha grande implantación en Galicia como Aceites ABRIL, Pérez Rumbao, COREN, Nauterra – Grupo Calvo, Revi, Delikia, Toysal, Revi, Caixa Rual Galega, Darlim,, Vegalsa, etc. e outras máis locais como STELLGUS, Forxa Chago, Pedras de Santiago, Farmagra, Frutas Nano, Carpintería FRAMA, Limpiezas Salgado, Tecniagal, Transtambre, Sisrecon, Viveiros O Castro, Agencia Gráfica Gallega, Casa Taboada, Ausum, Álvarez y Asociados, Alvariño Fernández Gestión, SIPE, Construcciones Giraldez, Panadería Bembibre, Creativa Digital, Estratexia de Comunicación, Farmagra, Fundación San Rosendo, Galivoltaica, Hermanos de las Escuelas Cristianas – La Salle, Jael Economistas, LAPIZKA, Profand, Roomel…
Tras a visita, os participantes tiveron a oportunidade de compartir un xantar coas persoas en tratamento e co equipo terapéutico de Proxecto Home Galicia, o que permitiu xerar un ambiente de diálogo e reflexión sobre o papel da iniciativa privada na mellora do benestar social e a saúde pública.
“A participación das empresas neste tipo de iniciativas non só achega recursos fundamentais para a viabilidade dos nosos proxectos, senón que tamén é un exemplo de responsabilidade social e de implicación cunha causa que nos afecta a todos como sociedade”, destacou Ramón Gómez Crespo, Presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo. “Estamos agradecidos pola solidariedade e o compromiso demostrado, que sen dúbida fortalecen o labor que realizamos e permítennos seguir ofrecendo os nosos servizos a quen máis o necesitan”, subliñou Ofelia Debén, Directora de Proxecto Home Galicia.
O encontro serviu para visibilizar a crecente colaboración entre o sector empresarial e as entidades do terceiro sector, fomentando unha sinerxia que contribúe á consecución dos obxectivos de Proxecto Home Galicia e ao benestar da comunidade.
Proxecto Home Galicia leva máis de 34 anos traballando para acompañar e axudar a persoas con problemas de adiccións, ofrecendo unha contorna segura e terapéutica que facilita a súa recuperación. Iniciativas como a Campaña ”Resposta Social Solidaria” son claves para garantir a continuidade destes servizos, demostrando que a colaboración público-privada é un factor decisivo na loita contra as adiccións.