En 2024, o Grupo Pérez Rumbao, unha das empresas máis destacadas de Galicia, e Caixabank reafirmaron o seu compromiso coa sociedade ao realizar unha xenerosa doazón de 10.000 € e 5.000 €, respectivamente, a Proxecto Home Galicia. Este apoio destinarase á consecución dos fins sociais da nosa fundación, centrados na loita contra as adiccións e na reconstrución de vidas de persoas e familias afectadas.
A entrega tivo lugar en Lanzo, concesionario do grupo na Coruña, á que asistiron Isabel Casais (Caixabank), Gonzalo Balseiro (Fundación Caixabank), Ramón Gómez (Proxecto Home), Ofelia Debén (Proxecto Home), Joaquín Pérez Bellido (Presidente PR), José Miguel López Sedes (Xerente Lanzo) e Ivan Fernández (Payflo).
Esta contribución representa moito máis que unha axuda económica; simboliza unha sólida alianza cunhas empresas que, ao longo dos anos, demostraron a súa sensibilidade e compromiso coas problemáticas sociais que afectan á nosa comunidade. A súa achega reforza a nosa capacidade para manter e mellorar os programas e servizos que ofrecemos ás persoas que buscan unha nova oportunidade, afastándose das adiccións.
En Proxecto Home Galicia traballamos co obxectivo de transformar vidas, brindando tratamento, acompañamento e ferramentas para a reinserción social e laboral. Grazas a alianzas como a do Grupo Pérez Rumbao, podemos seguir avanzando nesta misión.
Queremos expresar o noso máis profundo agradecemento ao Grupo Pérez Rumbao e a Caixabank polo seu apoio constante e por ser un exemplo de responsabilidade social empresarial en Galicia. Xuntos, seguimos construíndo un futuro mellor para quen máis o necesitan.
Grazas por confiar no noso traballo e formar parte deste proxecto transformador.