Luis Menor, Presidente da Deputación de Ourense, realizou a súa primeira visita ás instalacións de Proxecto Home en Ourense, acompañado pola Deputada de Servizos Sociais, Patricia Torres, quen xa visitara o centro meses atrás.
Durante a xornada, estiveron acompañados por Raquel Pousadas, Coordinadora do centro de Ourense, e por Ofelia Debén, Directora-Presidenta de Proxecto Home Galicia. A visita comezou cun encontro co equipo educativo-terapéutico do centro, onde o Presidente puido coñecer de forma directa o modelo de intervención e o traballo diario que se realiza coas persoas en tratamento.
A continuación, os representantes institucionais tiveron a oportunidade de dialogar con algunhas das persoas que actualmente seguen un proceso de rehabilitación, así como cos seus familiares. Durante este emotivo intercambio, os usuarios compartiron como están a vivir o seu proceso de cambio, as dificultades que atopan e as preocupacións ante o futuro, especialmente respecto a súa inserción laboral unha vez finalicen o programa. Tamén expresaron a importancia de contar con actividades de lecer e tempo libre saudables e accesibles economicamente.

Pola súa banda, as familias falaron do desafío que supón acompañar aos seus seres queridos no proceso de rehabilitación, os temores #ante posibles recaídas, pero tamén a esperanza nunha vida renovada, libre de adiccións e con novas oportunidades.
Na súa intervención, o Presidente D. Luis Menor destacou que, aínda que os políticos toman decisións, tamén son sensibles á realidade das persoas e teñen a responsabilidade de dar respostas. Neste sentido, subliñou a importancia de que a Deputación de Ourense retomase en 2024 o convenio de colaboración con Proxecto Home, despois de varios anos sen apoio institucional, incrementando este ano a contribución en 5.000 euros.
A visita foi unha experiencia moi enriquecedora, tanto para os representantes públicos como para o equipo de Proxecto Home. Poder coñecer de preto o labor que se desenvolve no centro e escoitar directamente as vivencias das persoas en tratamento e as súas familias permite xerar unha maior sensibilidade e compromiso con esta realidade.
A xornada finalizou cun percorrido polas instalacións. Desde Proxecto Home Galicia queremos agradecer sinceramente a visita, así como a proximidade e o interese mostrados polo Presidente e a Deputada. Estes xestos contribúen a visibilizar o traballo que realizamos e, sobre todo, a reforzar a rede de apoio institucional tan necesaria para continuar avanzando na recuperación e reintegración das persoas con problemas de adiccións.
