Comparte nas túas redes sociais:

Proxecto Home Galicia recibe a visita de Javier De Las Heras, responsable de servizos da ONG irlandesa COOLMINE

Proxecto Home Galicia recibiu esta semana a visita institucional de Javier de las Heras, Xerente de Servizos Comunitarios e Diúrnos de COOLMINE, organización non gobernamental referente en Irlanda no tratamento e rehabilitación de persoas con problemas de adicción. A visita, enmarcada nun proceso de intercambio e colaboración internacional, permitiu a ambasas entidades compartir experiencias, metodoloxías e boas prácticas na abordaxe terapéutica e comunitaria das drogodependencias

COOLMINE, con sede en Dublín, é unha organización pioneira no modelo de comunidade terapéutica en Irlanda. Desde a súa fundación en 1973, desenvolveu unha ampla rede de servizos que inclúen tratamentos residenciais, centros de día, programas ambulatorios e apoio a familias, sempre baixo unha perspectiva integral, centrada na persoa e baseada na evidencia científica.

Durante a súa estancia en Galicia, Javier de lasHeras visitou diferentes centros e programas de Proxecto Home Galicia, con especial atención á Comunidade Terapéutica de As Cernadas (Val do Dubra), na Comunidade Terapéutica Intrapenitenciaria (Pereiro de Aguiar-Ourense) e no Centro de Patoloxía Dual “ACOUGO” (Vigo), onde puido conversar tanto con profesionais como con persoas en tratamento. A visita incluíu tamén reunións coa dirección e os equipos técnicos da entidade galega, centradas no intercambio de coñecementos sobre aspectos clave como a abordaxe da saúde mental, a participación familiar, a inserción sociolaboral e os novos retos en materia de sustentabilidade e innovación.

Foi unha visita moi enriquecedora. Proxecto Home Galicia é un exemplo de compromiso social e profesionalidade na atención a persoas con problemas de adicción. Puidemos identificar moitas coincidencias no enfoque humanista, a estrutura comunitaria do tratamento e a atención ás familias”,sinalou de las Heras.

Como froito deste intercambio, acordouse fortalecer as vías de colaboración entre ambas as entidades. Nese sentido, programouse unha visita para o próximo mes de setembro, durante a cal un grupo de profesionais e persoas en tratamento de COOLMINE viaxarán a Galicia para coñecer de primeira man o traballo diario de Proxecto Home Galicia. Esta estancia dunha semana permitirá profundar no modelo terapéutico galego e xerar novas sinerxias entre os equipos.


Desde Proxecto Home Galicia, a súa directora, Ofelia Debén Rodríguez, destacou que:

Contar coa presenza dun referente internacional como Javier das Heras reforza as nosas alianzas e permítenos contrastar e mellorar os nosos modelos de intervención. Compartimos a visión de que a recuperación é posible, e que require recursos humanos cualificados, compromiso institucional e unha comunidade terapéutica viva e participativa”.

Esta visita inscríbese na liña estratéxica de internacionalización e mellora continua de Proxecto Home Galicia, que busca nutrirse do coñecemento e a experiencia doutras entidades europeas que comparten a súa misión e valores.

Visita do Director Xeral de AGACAL da XUNTA de GALICIA a Comunidade Terapéutica “As Cernadas”
Alcol, cannabis e adicción ás redes sociais, os retos de Proxecto Home tras o covid
Visita Do Alcalde do Val do Dubra á Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia en Cernadas, Val do Dubra