festa solidariedade

Comparte nas túas redes sociais:

XXXI FESTA DE SOLIDARIEDADE: 31 ANOS UNINDO CORAZÓNS

A Festa de Solidariedade de Proxecto Home Galicia celebrou este ano á súa trixésima primeira edición, consolidándose como unha das tradicións máis queridas e significativas da nosa entidade. Naceu no ano 1993 co obxectivo de reunir á gran familia de Proxecto Home Galicia, persoas que comparten unha mesma historia de superación e esperanza, acompañadas polas súas familias, amizades, voluntariado e profesionais.

Durante todos estes anos, só unha circunstancia excepcional interrompeu esta cita: a pandemia da COVID-19 no ano 2020. Aquela pausa, lonxe de debilitarnos, fixo que regresásemos máis fortes, máis unidos e con máis ganas de celebrar a vida. Porque esta festa non é só unha reunión, é un símbolo do noso compromiso coa recuperación, co acompañamento e coa solidariedade que nos define.

Organizada pola Asociación de Familias e Amigos de Proxecto Home Galicia, a Festa de Solidariedade é o lugar no que se xuntan, cada segundo sábado de setembro, persoas procedentes de todos os puntos da xeografía galega para compartir un día de convivencia, alegría e esperanza. É tamén unha oportunidade para recoñecer o esforzo das persoas en tratamento, agradecer o apoio das familias, visibilizar a importancia da comunidade e fortalecer os lazos que fan posible que Proxecto Home Galicia siga adiante.

A xornada iniciouse na Praza da Quintana onde as persoas participantes foron recibidas pola Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín quen salientou que Santiago é unha cidade de «acollida» e de coidados e de atención ás persoas, «tanto as compostelás como as chegadas de fóra». Ademais, eloxiou o traballo das entidades do terceiro sector e puxo en valor o de todas as persoas, voluntarias e profesionais, que traballan en Proxecto Home Galicia.

Para finalizar o acto na Praza da Quintana, varias persoas en tratamento fixeron unha “performance” na que construíron conxuntamente un crebacabezas co nome da entidade. Un acto simbólico que a alcaldesa relacionou coa relevancia de «tecer unha rede de apoio para acompañar as persoas con adiccións e poder rehabilitarse».

Pola tarde, no Pabillón Mutiusos “Fontes do Sar” celebrouse un xantar. Antes de empezar o director xeral de inclusión social, Arturo Parrado, destacou a longa traxectoria de Proxecto Home Galicia que mantén unha estreita colaboración da Xunta de Galicia que participa, entre outras cousas, no financiamento dos seus centros e programas. Ademais, eloxiou o traballo diario de todos os traballadores e voluntarios que compoñen Proxecto Home Galicia.

Despois do xantar houbo un pequeno acto de homenaxe as persoas voluntarias que acotío desenvolven a súa actividade xenerosa e solidaria nos distintos programas e servizos de Proxecto Home Galicia.

Para rematar as persoas en tratamento nos distintos centros realizaron unhas interpretacións musicais e teatrais, finalizando a Festa da Solidariedade coa participación dun grupo folk galego.

Con todo isto, reafirmamos que esta festa é moito máis que unha xornada festiva: é a expresión máis auténtica da nosa misión e dos nosos valores, unha mostra viva de que, cando estamos xuntos, todo é posible.

Grazas a todas as persoas que fixestes e seguides facendo que esta cita sexa inesquecible ano tras ano. Porque esta festa é, e será sempre, o reflexo da forza dunha gran familia: a familia de Proxecto Home Galicia.

Visita do Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela a Comunidade Terapéutica Proxecto Home en Cernadas, Val Do Dubra.
A Directora Xeral de Familia e Inclusión visita a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia
A 36ª Asemblea da Asociación Proxecto Home celébrase en Galicia