
Desde aquel inicio, con vocación pioneira e un profundo compromiso social, fomos crecendo e adaptándonos, poñendo en marcha centros e dispositivos en distintos puntos da xeografía galega cun obxectivo claro e constante: achegar os nosos servizos ás persoas e familias que os necesitan, alí onde se atopan.
Non foron anos fáciles. Atravesamos crises económicas, unha crise sanitaria sen precedentes e un contexto internacional marcado por conflitos e incerteza. Momentos complexos que puxeron a proba a moitas organizacións e, especialmente, a aquelas que traballamos no ámbito social.
Con todo, soubemos resistir e perseverar, grazas ao esforzo colectivo, á profesionalidade dos equipos, ao apoio das familias, das persoas voluntarias e de quen confía e colaboran co noso labor.
Hoxe podemos dicir, con orgullo e responsabilidade, que seguimos ofrecendo os mesmos servizos, coa mesma calidade e coa mesma ilusión, pero con forzas renovadas e a experiencia acumulada de máis de tres décadas de traballo.
Este aniversario é, sobre todo, un recoñecemento a todas as persoas que formaron e forman parte deste proxecto e unha reafirmación do noso compromiso: seguir acompañando procesos de cambio, recuperación e autonomía, con rigor profesional e profundo respecto por cada persoa.