xornada voluntariado 2026

Comparte nas túas redes sociais:

O voluntariado en Proxecto Home Galicia: compromiso, coidado e valores compartidos

Como cada ano, Proxecto Home Galicia pechou as reunións locais de formación do voluntariado cun encontro xeral de convivencia, celebrado o sábado 6 de xuño de 2026. Foi unha xornada especialmente significativa, na que participaron persoas voluntarias dos distintos centros de Galicia, xunto con profesionais da entidade.

Estes encontros teñen dous obxectivos fundamentais. O primeiro, e máis importante, é crear un espazo de convivencia, coñecemento mutuo e encontro entre todas as persoas que forman parte do voluntariado de Proxecto Home Galicia. Persoas chegadas de diferentes lugares, con experiencias diversas, pero unidas por unha mesma maneira de entender a vida, a axuda e o acompañamento. Porque todas e todos bebemos dos mesmos valores: a solidariedade, o respecto, a responsabilidade, a escoita e a confianza na capacidade de cambio das persoas.

O segundo obxectivo é a formación das persoas voluntarias. Nesta ocasión, traballamos a través dunha charla ilustrativa impartida por Vicente Llario, responsable do voluntariado de Proxecto Home Galicia. A partir da súa intervención, reflexionamos en grupos sobre a importancia do autocuidado nas persoas voluntarias, entendendo que para acompañar tamén é necesario coidarse. O voluntariado require presenza, compromiso e sensibilidade, pero tamén equilibrio persoal, conciencia dos propios límites e espazos para compartir o vivido.

Ao longo da xornada tamén puxemos en valor como a experiencia de ser voluntaria ou voluntario non só contribúe ao benestar das persoas acompañadas, senón que tamén favorece o crecemento persoal, a resiliencia e o sentido de pertenza de quen exerce esta labor. O voluntariado en Proxecto Home Galicia é moito máis ca unha colaboración puntual: é unha forma de estar ao lado das persoas, de camiñar con elas e de participar activamente na construción dunha sociedade máis humana, máis xusta e máis inclusiva.

Rematamos o encontro compartindo comida, conversa e experiencias. Foi un día gratificante para todas as persoas que participamos, unha oportunidade para recoñecer o valor inmenso do voluntariado e agradecer, unha vez máis, a entrega xenerosa de quen dedica parte do seu tempo, da súa enerxía e da súa vida a acompañar os procesos de cambio doutras persoas.

Dende Proxecto Home Galicia queremos expresar o noso profundo agradecemento a todas as persoas voluntarias. Sodes unha parte esencial da nosa entidade e un exemplo vivo dos valores que nos sosteñen.