Presentación
No ano 1990, PROXECTO HOME GALICIA abriu as súas portas na comunidade autónoma galega, como programa educativo-terapéutico, libre de drogas, encamiñado á rehabilitación e reinserción social de persoas adictas.
Desde un enfoque humanista, pon o acento na persoa, como protagonista do seu propio proceso de recuperación, sendo a misión principal, erradicar a adicción e a consecución da autonomía persoal.
Todos os Programas dos que dispón Proxecto Home Galicia, están baseados nun enfoque biopsicosocial no que encaixa perfectamente o noso modelo educativo-terapéutico, centrándose o traballo no cambio integral da persoa e non só no comportamento adictivo.
Proxecto Home Galicia é unha porta aberta á esperanza. Creu sempre na esperanza do cambio como motor da rehabilitación, polo que baseamos os nosos programas en favorecer que a persoa recupere a motivación e o interese por un mesmo, a autoestima e as ganas de vivir.
Proxecto Home Galicia foi medrando ao longo destes anos, traballando, tamén, no campo da prevención. O noso horizonte sempre será traballar o mellor posible no campo das adiccións, adaptándonos aos novos perfís e ás novas afrontas que nos depare a sociedade, isto o demostran todas as familias que solicitaron e solicitan a nosa axuda e as mais de 5.000 altas terapéuticas que refixeron as súas vidas e as persoas que, na actualidade, están a tratamento.
Todo isto non se acadaría sen todos aqueles que fan posible que poidamos seguir traballando: voluntarios, institucións públicas, institucións privadas e, por suposto, a Fundación Monte do Gozo. A todos eles, o mais profundo e sincero agradecemento pola súa desinteresada e solidaria axuda.