Programas de tratamento

AVALIACIÓN E DIAGNOSE

Este período iníciase coa primeira cita solicitada para informar e orientar sobre os nosos programas e os distintos tratamentos. A partir de aí iníciase unha secuencia de coloquios clínicos nos que se realiza unha avaliación da realidade da persoa con adicción e faise unha diagnose co obxecto de ofrecer á persoa o programa que mellor se adecúe ás súas necesidades.

PROGRAMA BASE OU PROGRAMA TRADICIONAL

Este programa está dirixido a aquelas persoas que presentan unha importante desestrutura persoal, familiar e social como consecuencia dun longo ou intenso uso abusivo das drogas.

Estrutúrase en dúas fases: Comunidade Terapéutica e Reinserción Social. A fase de comunidade terapéutica desenvólvese en réxime de internamento. Unha vez finalizada a fase de Comunidade, pasan á fase de Reinserción Social que se desenvolve en réxime ambulatorio.

Dentro da propia Comunidade Terapéutica desenvólvese un programa específico para elas, denominado PROGRAMA PARA MULLERES XESTANTES E/OU CON FILLOS A CARGO, dirixido a mulleres con adicción ás drogas en estado de xestación e/ou con fillos menores que queiran rehabilitarse da súa adicción sen ter que separarse dos seus fillos.

COMUNIDADE TERAPÉUTICA URBANA

Este programa está dirixido a persoas consumidoras de drogas que precisan un modelo de tratamento en réxime internado pero que, a pesar da súa adicción, posúen recursos persoais, sociais e familiares para realizar un proceso terapéutico no modelo de Comunidade Terapéutica compatible cun asiduo contacto coa súa contorna familiar e social.

Esta Comunidade Terapéutica está ubicada nun marco urbano que posibilita a utilización de todos os recursos formativos, culturais, laborais… dos que dispón a cidade, sendo este, un elemento mais de enriquecimento no proceso terapéutico.

Este programa estrutúrase en dúas fases: Comunidade Terapéutica, que pode ser en réxime ambulatorio ou en réxime de internamento, e Reinserción Social en réxime ambulatorio.

COMUNIDADE TERAPÉUTICA INTRAPENITENCIARIA

Desenvólvese no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, implementando, dentro do cárcere, o programa educativo-terapéutico para favorecer o proceso de rehabilitación dos reclusos drogodependentes beneficiarios do programa e, desta forma, conseguir a derivación a un recurso asistencial extrapenitenciario e continuar, así, a súa inserción social, laboral e familiar.

A metodoloxía e estrutura deste programa é similar ao Programa Base ou Programa Tradicional pero a estancia no mesmo está condicionada pola situación xudicial e penal da persoa.

PROGRAMA DE PATOLOXÍA DUAL

O Programa “Acougo” é un programa de rehabilitación e reinserción psicosocial dirixido a persoas con adicción ás drogas e que teñen á súa vez asociada unha patoloxía psiquiátrica ou deterioración cognitiva severa (comorbilidade).

Este Programa é un modelo de intervención psicosocial que pretende garantir aos beneficiarios afectados por esta problemática a mellora da súa situación e normalizar na medida do posible a súa vida.

A primeira fase deste tratamento é en réxime de internamento e a segunda fase é en réxime ambulatorio. O réxime de tratamento dependerá do perfil do usuario.

PROGRAMA PARA PERSOAS ALCOHÓLICAS

Dirixido a aquelas persoas que presentan dependencia alcohólica. Estrutúrase en dúas fases: Comunidade Terapéutica, en réxime de internamento e, unha vez finalizada a fase de Comunidade, pasan á fase de Reinserción Social, en réxime ambulatorio.

PROGRAMA DE REHABILITACIÓN E INSERCIÓN SOCIAL PARA PERSOAS ADICTAS A PSICOESTIMULANTES
(COCAÍNA E OUTRAS DROGAS)

Desenvólvese réxime ambulatorio e está dirixido a aquelas persoas, que a pesar da súa adicción, manteñen certo grao de estrutura familiar, social e nalgúns casos laboral, académica. Isto posibilita compaxinar o proceso terapéutico de rehabilitación sen necesidade de afastarse da súa contorna habitual e compatibilizalo coa súa realidade laboral ou académica.

O programa estrutúrase en tres fases: FASE I, FASE II e FASE III.

PROGRAMA DE LUDOPATÍAS

Está dirixido a persoas con problemas de adicción ao xogo (loterías, máquinas, bingo, comecartos…), que se viron afectadas pola súa adicción na súa integración socio-laboral e familiar.

Este programa estrutúrase en dúas fases: Fase I e Fase II. É en réxime ambulatorio.

PROGRAMA EDUCATIVO PARA MOZOS/AS E ADOLESCENTES

É un modelo de prevención indicada, intervención, educativo e de planificación. Está dirixido a mozos e adolescentes entre 14 e 18 anos, consumidores de drogas ou con situacións de risco, co fin de paliar esta problemática e diminuír as súas condutas inadaptadas, para acceder así á súa integración no seu medio social.

Estrutúrase en tres fases: Bloque I, Bloque II, Bloque III. É en réxime ambulatorio.