Comparte nas túas redes sociais:

Concerto benéfico polo 30º aniversario do centro de Proxecto Home en Vigo

18 de xuño de 2023

Concerto benéfico polo 30º aniversario do centro de Proxecto Home en Vigo

Nun Auditorio Teatro Afundación de Vigo ateigado, tivo lugar, ás sete da tarde, un concerto benéfico no que participaron Uxía, María do Ceo, Malvela, Sheila Patricia e, como convidada, a cantautora arxentina Daniela Azas.

Actuou como presentadora do concerto, Carmen Conde, de Tarabela Creativa, dominadora da palabra, do humor e tamén dos sentimentos, quen nada máis empezar o acto deu paso á proxección dun vídeo sobre o centro de Proxecto Home de Vigo, no que participaron, persoas en tratamento, familias, terapeutas, voluntarios… ofrecendo ao público asistente unha descrición moi gráfica da historia deste centro.

A continuación, interveu o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen destacou a importancia que, no ano 1993, tivo a apertura do centro de Proxecto Home en Vigo xa que facilitou, a centos de familias que se desprazaban diariamente ao centro de Santiago de Compostela, o acceso próximo a un tratamento para as persoas que o necesitaban.

Tamén fixo fincapé no fito que supuxo a posta en marcha do Programa de Patoloxía Dual, nun momento no que apenas existían recursos para atender a persoas deste perfil.

Inmediatamente despois saíron ao escenario as protagonistas do evento. Primeiro Sheila Patricia coa súa espectacular voz e a súa personalidade irresistible. Interpretou varios temas en solitario e un a dúo con Uxía. Impresionante actuación, bravas!

Daniela Azas, cantautora arxentina, quixo compartir a súa arte desde tan afastadas terras, interpretando dous temas.

E como sempre, arrebatadora, chegou a quenda de María do Ceo, fadista e galeguista, con todo o bo dun lado e do outro do Miño, coa súa melancolía e a súa dozura… como fixo gozar a todos coas súas cancións! Acompañada, como sempre, polos seus músicos anunciou o dúo que tiña previsto interpretar con Uxía… que luxo! Dúas grandes damas e mestras da canción unidas, cantando ao unísono un precioso fado de Amalia Rodrígues, compartindo cos presentes a súa arte, a súa xenerosidade e a súa entrega.

Para finalizar o concerto chegaron as de Sanguiñeda, as Malvela, cos seus traxes preciosos e as súas preciosas voces… Fixeron, como sempre, levantar a todo o teatro dos seus asentos ao ritmo do “O Pirimpimpín”, coa súa “alma mater”, Uxía, á cabeza…

O acto pechouno a directora-presidenta de Proxecto Home Galicia quen agradeceu a xenerosidade, solidariedade e entrega de todas as artistas, músicos, produción… e tamén a Afundación pola cesión do auditorio e a sala de exposicións onde 35 virtuosos da arte expoñen na oitava edición de “Arte e Solidariedade”.

Para rematar, fíxose entrega a todas as persoas que, dunha forma ou outra, estiveron implicados neste marabilloso concerto, dunha peza de artesanía realizada no obradoiro de cerámica do Programa Acougo de Vigo.

Proxecto Home tamén peregrina e xuntará o sábado a 2.000 camiñantes dende O Gozo
Visita da Directora Xeral de Producción Agropecuaria e do Subdirector Xeral de Gandaría da Consellería de Medio Rural
A Fundación Monte do Gozo recibe o apoio do Ministerio de Sanidade para a mellora do Sistema Dixital da Entidade